| Cun terreo que discorre de leste a oeste, paralelo á costa, linda ó norte coas parroquias de San Xoan de Piñeiro, Santiago de Franza (concello de Mugardos) e Santa Eulalia de Limodre (concello de Fene), servindo de linde natural con esta última o regato de Río Sandeu, ó oeste con San Xosé de Ares (concello de Ares), linde que se atopa sinalado polo regato da Xunqueira, que discorre baixo a ponte da Ciscada (s. XIV). A fronteira sur a delimita a Ría de Ares. De clima morno e chan fértil, aséntase sobor dun terreo que na súa metade leste presenta dende os altos da Malata e Barracido, unha pronunciada costaneira que se suaviza ao chegar ó mar, tornando en terreo chan nas terras que se atopan no oeste. Entrambas configuracións do chan existe un pequeno val polo que discorre un pequeno regato e na que se asenta o seu núcleo de poboación máis importante, o Porto de Redes. A flora e a fauna degradadas pola acción dos eucaliptos e a non dispoñibilidade de espacios reservados para a conservación das especies autóctonas, non presenta máis particularidade que o abandono propio dos espacios paisaxísticos en vías de reconversión. A pesar desta situación, as paisaxes que se divisan invitan ó goce e disfrute dos sentidos.
|
|