Enlaces AIC



Vela. 45ª Regata Rías Baixas PDF Imprimir

Quinta etapa. Sanxenxo - Vigo. Os nosos voltan a situarse dentro do top ten da súa categoría, e a pesar do pequeno pinchazo quedan na xeral dentro dos 15 primeiros. Remate desta edición do Rías Baixas. Pincha no título desta nova para ver o resumo de toda a regata.

 

Primeira etapa, luns 11 de agosto, ás 14,30 tiña lugar en Vigo a saída da 45ª Regata Rías Baixas - Martin Codax. Case 130 barcos inscritos, máis de 1.000 tripulantes, fan desta a máis importante regata por etapas da Península.

Barcos dende o Páis Vasco ata Lisboa, e no medio ... só un de Redes: O Golafre II de Benito Castro. O resto dos barcos de Redes quedaron nas nosas augas por falta de ... xente!!! Non había persoal para tomar parte nunha proba que dura 5 días, pero que esixe pasar case outros tantos no barco na rota Redes Vigo e volta. Con Benito navegan outros grandes navegantes de caamouco: Andrés Seijido, José M Naveiro, Nicolás Álvarez, ...

Pero o primeiro día foi duro, moi duro. As previsións daban moito vento no Golfo Ártabro e un vento como moito moderado nas Rías Baixas, todo o contrario!!! Tendo en conta o parte os barcos sairon nesta primeira etapa Vigo - Baiona con todo o trapo, pero ao pouco da saída os refachos comezaban a avisar. E máis tarde os problemas, tres mástiles rotos, entre eles o dos amigos do Saiola, sen lamentar danos persoais. Ademias velas rotas, timóns, xarcias danadas ... etc ... numerosas retiradas nesta primeira manga. Os nosos lembraron os dramáticos momentos vividos o ano pasado no Pingón en situación similar. Pero chegaron a Baiona sen contratempos, eso sí, non moi ben na clasificación.

Segunda etapa, Baiona - Pobra do Caramiñal, case nada, máis de 25 millas para os 85 barcos que quedan despois do desastre do primeiro día. Neste percorrido un dos puntos máis complicados é a Costa da Vela, polo impredecible das condicións meteorolóxicas. Moitos caeron nos pozos de vento.

O vento estivo frouxo, preto dos 10 nudos, empezando do SW para rematar W ao final da proba. Os nosos melloraron un pouco na clasificación, cumprindo coa etapa máis longa da regata.

A seguinte será dentro da Ría de Arousa, A Pobra - Vilagarcía, con un par de voltas a unhas boias que darán un percorrido de pouco máis de 16 millas. Afortunadamente ben dentro da ría porque a previsión de mar é moi mala. Sorte!

Terceira etapa mércores 13 agosto, A Pobra do Caramiñal - Vilagarcía. Preciosa etapa cun vento frouxo e pouco mar, dentro da Ría de Arousa, lonxe do forte mar de fondo que peta nas nosas costas, impropio destas datas.

Os pouco máis de 80 barcos que van quedando fixeron un percorrido de algo máis de 16 millas no que os nosos chegaron nun merirtorio 7º posto, na súa clase, logo de loitar por meterse nos 5 primeiros. As particulares condicións e os roles do vento xogaron na contra dos nosos. Pero os de Benito Castro van a máis, óllo a ver se dan algunha sorpresa nas dúas etapas restantes. Mañá Vilagarcía - Sanxenxo.

Cuarta etapa, Vilagarcía - Sanxenxo. Pinchazo dos de Redes. Xoves 14 de agosto, mentres o Navantia vence en Melilla, os nosos afúndesen na clasificación do Rías Baixas.

Nun día con pouco vento e mar (todo o contrario que nestas rías altas), o Golafre non foi quen de remontar as case 20 millas no tempo que o fixeron o resto dos competidores. Só queda unha etapa, pero será case imposible compensar o resultado desta etapa. Mañá Sanxenxo - Vigo para o remate desta edición.