Novas Vela Tradicional. Da Coruña e Ares.


Vela Tradicional. Da Coruña e Ares.

O pasado día 9 de Agosto celebrouse a II Concentración de Embarcacións da Coruña, con duas embarcacións de Redes, e o día 16 de Agosto a II Concentración de Embarcacións Tradicionais de Ares, con 7 embarcacións de Redes.

Da Coruña obtivemos estas imaxes, destacando a fermosa estampa do "Punta Pragueira", que fan boa semente acudindo a cantos certames poden.




A viaxe á Coruña foi boa; se ben a cousa empezou con pouco vento e case cunde o desanimo, ó chegar ás Mirandas o Nordés animou o ritmo. A recepción, o xantar no peirado de Oza, as gaitas, o bo ambiente de amigos: sobresainte. Lástima non contar con outra ducia de embarcacións.

A Concentración de Ares estivo marcada polo vento forte e racheado e os accidentes, anque ningún deles afectou severamente ás embarcacións de Redes. Algunha vela quedou no tambucho (a escandalosa da Sauntress), e tamén houbo que facer algún que outro rizo. Un accidente do patrón impideunos ver ó "Reina de África", ó que desexamos unha pronta recuperación e outra embarcación, a Teresa, veu como todo o seu velamen baixaba ó mar ós poucos segundos do bocinazo de saida. Logo en terra non faltou a boa merenda, o bó ambiente... nin os comentarios.